domingo, 20 de diciembre de 2009

Ás de bolboreta


Esta novela, desenvólvese no bar de Patricia, situado nunha encrucillada de rúas en Santiago de Compostela, o quilómetro cero onde conflúe cada un dos camiños que transitan os máis de quince personaxes. Nesta novela crúzanse historias humanas diferentes que, no seu conxunto, conforman unha radiografía da sociedade urbana actual: globalizada, interconectada e diversa.
Unha das historias é a de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que apenas pasa tempo co seu pai –un ocupado home de negocios– e que comparte varias horas do día no bar de Patricia co seu avó materno, con quen vai aprender a superar a morte da nai, a comprender a súa infancia e a recuperar o seu pai. Pola súa parte, Lola e Eusebio, un matrimonio de anciáns que viven sos, el enfermo e dependente, teñen que se enfrontar ás grandes decisións que esixen a vellez e a enfermidade: continuar vivindo na casa ou trasladarse á frialdade dunha residencia, ter que recorrer a descoñecidos para que os axuden, saber convivir coa presenza cada vez máis próxima da morte e convencerse de que hai soños que sempre pospuxeron pensando que aínda había tempo por diante para os cumprir.

Tamén está a historia de Iqbal, un mozo londiniense de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro en xullo de 2005 que condicionaron e marcaron a vida dos londinienses pertencentes á comunidade musulmá. E a de Aysel, unha kurda que manifesta de forma brutal a impotencia que sente pola total indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco; e a historia dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días, no bar de Patricia, unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén a historia de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e a da señora Filomena, e a de Ana, e a de Fiño…

Ollos de Auga


Esta novela, protagonizada polo inspector Caldas, salienta por combinar suspense, personaxes orixinais, ambiente urbano e humor nas doses precisas que esixe o xénero negro.
Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O séu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños. O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía viguesa.
Novela policial salferida de humor e con grandes doses de suspense, "Ollos de auga" sitúa o seu autor na liña de escritores que, coma Andrea Camilleri e Henning Mankell, renovan o xénero negro desde Europa cunha obra na que o interese da narración se ve acrecentado por unha visión crítica da sociedade. Na obra de Domingo Villar conviven certa melancolía coa ledicia da música e o viño branco.

lunes, 27 de abril de 2009

LA SOLEDAD DE LOS NÚMEROS PRIMOS

Nesta derradeira semana do mes de Abril, propuxemos unha nova lectura no club. Trátase da novela de Paolo Giordano “La Soledad de los Números Primos”, que foi galardonada co Premio Strega 2008, un dos máis importantes de Italia.

Paolo Giordano –Físico teórico- parte no seu título da metáfora dos números primos –cercanos pero sen tocarse- e preséntanos a Alice , Michaela e Mattia personaxes unidos por fíos invisibles e marcados pola soidade.

É unha lectura apasionante , para ler sen descanso neste Abril chuvioso e frío.

miércoles, 22 de abril de 2009

O ESCARAVELLO DE OURO

Esta obra, pubricada por primeira vez en 1843 no xornal "Philadelphia Dollar Newspaper", narra a visita que realiza o narrador -anónimo- ó seu amigo Willian Legrand, entomólogo que reside na illa de Sullivan, e como este lle pide axuda para solucionar un enigma que ten que ver cunha rara especie de escaravello que atopou.
A novela non posúe estrutura externa posto que non está dividida en capítulos nin outra separación similar. Temos que destacar un chamativo flashback cando Legrand conta como descobre as claves para chegar ó tesouro.

O Escaravello de Ouro, Edgar Allan Poe

Edgar Allan Poe (Boston 1809-Baltimore 1849), xenial escritor,recoñecido como un dos mestres universais do relato curto e renovador da novela gótica, é especialmente coñecido polos seus relatos de terror.
Con todos estes atributos,e tendo en conta que se celebra o bicentenario do seu nacemento,decidimos adicar a lectura do mes de Abril, ó relato "O escaravello de Ouro".
Agardamos que con esta interesante lectura se relance o interés polo club de lectura,xa que o derradeiro libro non tivo moito éxito e cos examenes,vacacións e demais a verdade é que estamos un pouco varados.

domingo, 1 de febrero de 2009

Mondo e Outras Historias, de Le Clézio


Jean-Marie Gustave Le Clézio naceu o 13 de abril de 1940 en Niza, onde fixo os seus estudos no liceo para proseguir na Universidedade de Letras, onde se licenciou en 1960; logo traballou en Inglaterra, na Universidade de Londres. Aos seus 23 anos revelouse como un gran escritor coa publicación da súa primeira obra Le procès verbal (1963), que obtivo o Premio Renaudot e que supón xa unha ruptura coa literatura precedente. A partir dese momento a súa produción incrementarase cada ano. La Fièvre (1965), Le Déluge (1966), L’ Extase matérielle (1967), Terra Amata (1967), Le Livre de Fuites (1970), La Guerre (1970), Lullaby (1970), Voyages de L’ autre Côté (1975), Mondo et autres histoires (1978), Desert (1980), Le Chercheur d’or (1985), Hasard (1999) e L’ Africain (2004) son algúns dos títulos do seu extenso catálogo narrativo que acada case as cincuenta obras publicadas, na sua maior parte por Editions Gallimard. A súa última novela, Ritournelle de la faim, apareceu nas librarías francesas o pasado día 2 de outubro. A Academia Sueca na adxudicación do Nobel definiuno como ''escritor da ruptura, da aventura poética e da extase sensual''.

Esta obra é a escollida polo club de lectura para ler no mes de Febreiro. Como ninguén de nos coñecía a este autor, pensamos que esta é unha boa ocasión para descubrilo xuntos.

En Mondo e outras historias, protagonistas de nomes exóticos (Mondo, Lullaby, Alia, Daniel Sindbad…), rapazas e rapaces que arelan experimentar toda caste de sensacións, descobren as súas propias fantasías grazas a viaxes que realizan a poder de imaxinación. Suxeridoras viaxes que nos levan a Barasali, Dahlar Kebir ou Hazaran, onde a luz, a cor, o sol, rexen as súas vidas que precisan saír ó mar, botárense ó mundo á procura dos seus soños. Son adolescentes, cos seus problemas, que procuran a natureza como elemento liberador.

lunes, 26 de enero de 2009

Persépolis, de Marjane Satrapi


Persépolis é a historia autobiográfica da iraní Marjane Satrapi, a historia de como medrou nun réximen fundamentalista islámico que a obrigou a abandoar o seu país.

O comic comeza a partires do ano 1979 cando Marjane ten 10 anos e desde a sua perspectiva infantil é testemuña do cambio social e político que pon fin a mais de 50 anos de reinado do Sha de Persia en Irán e da paso a unha república islámica.

Esta obra foi seleccionada por diversas razóns:

Ser unha obra de calidade avalada polo prestixioso premio do festival de comic galo de Angouleme.

Polo desexo de dar a coñecer aos membros do club as novelas gráficas ás que están pouco acostumados.

Finalmente, polo tema que toca, a situación tanto da sociedade, pero especialmente das mulleres no islam.

Membros Club de Lectura

Thais
Manuel
Ludmila
Elena
Yulianna
Lara
Tamara
Isolina
Arturo
Estefanía
Ana
Paula
Tania
Estela
Alba
Nuria
Angel
Lorena
Margarita
Loli
Pilar
Mercedes
Magel
Teresa
Ana
Santi

Celebraremos reunións cada 15 días no recreo dos xoves