domingo, 20 de diciembre de 2009

Ás de bolboreta


Esta novela, desenvólvese no bar de Patricia, situado nunha encrucillada de rúas en Santiago de Compostela, o quilómetro cero onde conflúe cada un dos camiños que transitan os máis de quince personaxes. Nesta novela crúzanse historias humanas diferentes que, no seu conxunto, conforman unha radiografía da sociedade urbana actual: globalizada, interconectada e diversa.
Unha das historias é a de Manuel, un neno de orixe africana, a quen lle morreu a súa nai adoptiva, que apenas pasa tempo co seu pai –un ocupado home de negocios– e que comparte varias horas do día no bar de Patricia co seu avó materno, con quen vai aprender a superar a morte da nai, a comprender a súa infancia e a recuperar o seu pai. Pola súa parte, Lola e Eusebio, un matrimonio de anciáns que viven sos, el enfermo e dependente, teñen que se enfrontar ás grandes decisións que esixen a vellez e a enfermidade: continuar vivindo na casa ou trasladarse á frialdade dunha residencia, ter que recorrer a descoñecidos para que os axuden, saber convivir coa presenza cada vez máis próxima da morte e convencerse de que hai soños que sempre pospuxeron pensando que aínda había tempo por diante para os cumprir.

Tamén está a historia de Iqbal, un mozo londiniense de pais paquistanís que decidiu marchar de Londres tras os atentados terroristas no metro en xullo de 2005 que condicionaron e marcaron a vida dos londinienses pertencentes á comunidade musulmá. E a de Aysel, unha kurda que manifesta de forma brutal a impotencia que sente pola total indiferenza con que a comunidade internacional acolle a represión exercida contra o seu pobo por parte do goberno turco; e a historia dos alpinistas do monte Gurugú, dous mozos nixerianos que tentan atravesar o valado da fronteira de Melilla para poder reunirse coa súa tía, que agarda todos os días, no bar de Patricia, unha chamada que confirme a chegada dos seus sobriños a Galicia. E tamén a historia de Paco e Adolfo, dous homes covardes que non aprenderon a considerar as súas mulleres como compañeiras de viaxe, e a da señora Filomena, e a de Ana, e a de Fiño…

Ollos de Auga


Esta novela, protagonizada polo inspector Caldas, salienta por combinar suspense, personaxes orixinais, ambiente urbano e humor nas doses precisas que esixe o xénero negro.
Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O séu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños. O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía viguesa.
Novela policial salferida de humor e con grandes doses de suspense, "Ollos de auga" sitúa o seu autor na liña de escritores que, coma Andrea Camilleri e Henning Mankell, renovan o xénero negro desde Europa cunha obra na que o interese da narración se ve acrecentado por unha visión crítica da sociedade. Na obra de Domingo Villar conviven certa melancolía coa ledicia da música e o viño branco.